Ao longo dos encontros tentaremos abordar o acontecer poético. E sempre a esixencia á palabra, o escrutinio ao que sometemos o poema.
Así “abriremos a navalla” algúns poetas da literatura universal, e en particular da literatura galega, que han de sinalar, subliñar, para admirarnos.
Pódese domésticar a linguaxe? A súa estructura? Pódese penetrar no sórdido, na emoción do sórdido, e calibrar os lindes ata os que podemos levar a imaxe?
Que é a beleza? Unha ilusión óptica? Unha actitude? Dúas palabras que firen?
Que pasa no poema? Que é o que nos importa no poema? Canta atención lle prestamos ao sen alento?
Sabemos cortar os versos? A medida? O ritmo?
Sabemos ler?
E o silencio? En que medida é posíbel producir o silencio no poema?
Ferramentas. Aprenderemos ferramentas para construir o texto. Pero sobre todo, e dígoo a modo de advertencia, a deriva será o pilar da aprendizaxe, demorarémonos en calquera concepto, calquera, que alumee a nosa achega ao poético.
Esta é a proposta.
A inscrición inclúe master-class cun escritor recoñecido, titorías e galletas.
Sesión aberta e gratuita o xoves 3 de outubro ás 20:00.
Escribamos.